Discover
O Tigre do Futuro
O Tigre do Futuro
Author: A que cheira, papá?
Subscribed: 5Played: 5Subscribe
Share
© 2026 A que cheira, papá?
Description
O Tigre do Futuro é un podcast de historias, un oráculo onde se reúnen todos os temas e contos orfos doutro lugar onde se refuxiar.
O podcast en galego onde poden convivir lendas urbanas, nocións de psiquiatría e historias misteriosas sen máis roces dos necesarios.
O Tigre do Futuro facémolo desde o magazine cultural A que cheira, papá?, con todo o que iso significa. Unha ollada nova e fresca, gana de pasalo ben, e toda unha plantilla de colaboradoras ben garridas.
Entra a escoitar o Tigre!
O podcast en galego onde poden convivir lendas urbanas, nocións de psiquiatría e historias misteriosas sen máis roces dos necesarios.
O Tigre do Futuro facémolo desde o magazine cultural A que cheira, papá?, con todo o que iso significa. Unha ollada nova e fresca, gana de pasalo ben, e toda unha plantilla de colaboradoras ben garridas.
Entra a escoitar o Tigre!
44 Episodes
Reverse
Troskistas arxentinos que tratan con alieníxenas
A realidade de como son os electroshocks na medicina do século XXI
Un novo episodio da Humanidade Madialevo!
Un tigre moi redondiño, moi caseiro, tan divertido como sempre, un remanso de paz neste mundo tolo.
Falamos do posadismo, unha variante arxentina do troskismo que mestura alieníxenas e socialismo; da historia verdadeira de como son os electroshocks hoxe en día na medicina; e unha nova edición de A Humanidade Madialevo!
Contaron historia Vio, Darío e Guillermo, con Rubén de acompañante.
O Tigre está de volta!
Volve o podcast máis ecléctico para unha nova tempada, mantendo o noso estilo clásico pero con algunhas novidades.
Neste primeiro episodio volve a estar o Philip, que nos intenta colar mentiras históricas nas que hai pílulas de verdade. O Rubén analiza sociolóxicamente o SUUU de Cristiano Ronaldo; e Rodicio, pois inicia unha cousa nova, algo moi estraño chamado A humanidade, madia levo!
Estiveron Philip, Rubén e Rodicio de lareta.
Fixemos o primeiro Tigre temático! O podcast das historias variadas decidiu centrarse por un día e dedicamos un programa enteiro ao espazo e os mundos siderais. Todo coa escusa de recibirmos ademais a Astroxabi, o noso astrofísico de referencia.
Como sempre, contamos 3 historias diferentes, pero coa particularidade hoxe de que todas xiran arredor das nosas inquietudes espaciais.
Estiveron o Rubén Amado, Guillermo Rodicio e Xabi laretando.
Volve o Tigre despois dunha época de barbeito. Unha viaxe pola India para descubrir que o turismo xa leva demasiado tempo inventado e a maxestuosa vida de Duke Kahanamoku, o semideus surfista, que máis pedir a un Tigre.
Neste episodio contaron historia Philip Webb e o Rubén Amado, con Ánxela Lema e Guillermo Rodicio facendo apoios.
Unha edición tete-a-tete do Tigre en que intentamos manter a compostura fronte ao oráculo. Xente con cubos na cabeza en eleccións democráticas británicas e revolucionarios fraceses un tanto desorientados, todo no tigre máis freestyler!
Neste episodio contaron historia Violeta Pérez e Guillermo Rodicio, sós nunha noite chuviosa de outono.
Comeza unha nova tempada do Tigre do Futuro! Historias de peregrinos que saíron da Torre de Hércules en busca de místicas illas, e a estraña vida de Vivian Maier, a fotografa máis famosa do mundo que nunca quixo ser famosa. Todo isto e máis no Tigre que reabre a porta do templo!
Neste episodio contaron historia Guillermo Rodicio e Rubén Amado, con Ánxela Lema como comentarista pertinaz.
Aplicacións e novas tecnoloxías para gozar da natureza, a misteriosa lenda dos changelings, os nenos trocados, e a historia real (de verdade) de Wojtek, o oso que loitou na IIGM. Todo nun Tigre moi de verán, moi quente!
Neste episodio contaron historia o Rubén Amado, Guillermo Rodicio e Philip Webb, cunha pregunta dedicada ao futuro das fotopirolas.
Unha nova edición do consultorio de Vio sobre saúde mental, perturbadoras novas de ovnis en Lugo, e as equivalencias británico-españolas que non sabías que precisabas. Todo no Tigre dedicado a Shania Twain!
Neste episodio contaron historia Violeta Pérez, Rubén Amado e Philip Webb, acompañados de Guillermo Rodicio aos mandos.
Lóstregos que collen manía a xente concretísima, unha guerra naval cántabro-francesa, e a teoría da conspiración arredor da saia da Carolina, todo no Tigre máis vellouco!
Neste episodio contaron historia Darío MJ, Rubén Amado e Silvia Rodríguez, acompañados de Guillermo Rodicio aos mandos.
Comezou Darío, que desta trouxo unha sección sinxela pero con moita chicha: xente con moi mala sorte. Falamos de lóstregos e xente a que lle caen, de estatísticas improbables e electricidade.
Despois o Rubén quixo enardecernos cunha historia bélica, mais sen moito sangre: a guerra do bonito. Falamos do conflito sobre dereitos de pesca que asolou o mar cantábrico, enfrontando a franceses con galegos, asturianos e cántabros e que estivo a piques de se converter en guerra aberta internacional. (Piratas de Burela?)
Por último Silvia volve coa súa sección de cousas de vellas, desta volta cun misterio. De onde vén a saia da Carolina? Por que hai distintas versións en Portugal e outras partes da península? Non será acaso unha referencia velada á máis famosa Carolina... A Bela Otero? (gasp).
Pombas armadas con misiles na loita antinazi, un diplomático galego moi "amigo" do rei de Inglaterra e Pepsi, Pepsi para toda a Unión Soviética! Todo isto e moito máis no tigre máis bailongo.
Neste episodio contaron historia o Rubén Amado, Philip Webb e Guillermo Rodicio, coa Silvia Rodríguez intentando manter a cordura.
Comezou o Rubén, que seguindo na liña ornitolóxica, desta volta decidiu facer unha loa extensa e pormenorizada desas grandes odiadas das cidades: as pombas. Falamos do seu sentido da orientación e o uso comunicativo e bélico que lles deron as persoas.
Depsois Philip remata a súa historia completa e exhausta da diplomacia mundial, nesta ocasión das relacións entre Inglaterra e España. A súa crónica está chea de xente que non sabe moi ben o que fai, pero hai un diplomático que o sabe demasiado ben. Ah, conde de Gondomar, por fin nos encontramos!
Por último Guillermo trae a explosiva historia da relación entre a Pepsi e a URSS. Desde un Brezhnev amante das bebidas de cola, toda a Unión acabou atrapada no seu burbulleante feitizo... ata que houbo que pagar con avións. Escoitadea, que é moi difícil de resumir esta historia.
Diplomáticos en longa viaxe ata Samarkanda, grandes naufraxios con épicos salvamentos e a máis desastrosa de todas as rodaxes de Hollywood. Todo isto e máis no tigre máis aventureiro!
Neste episodio contaron historia Philip Webb, Rubén Amado e Guillermo Rodicio, con Violeta Pérez como comentarista.
Comezou Philip, que apareceu cun novo interese: a historia da diplomacia. Fardando de contactos, contounos a historia dunha expedición diplomática medieval onde os casteláns intentaban facerse amigos de Tamerlán, o líder de Samarkanda.
Despois Rubén volve levarnos ao mar, desta volta para falar sobre a evolución do salvamento marítimo. A través dos naufraxios da pedra do Boi, na Coruña, falamos de como melloraron as condicións de salvamento, con historias tráxicas e rescates épicos polo medio.
Por último Guillermo veu cunha historia delirante e chea de plot twist: a tolísima rodaxe da "Illa do Dr. Moreau". Van Kilmer, Marlon Brando, bruxos e selvas australianas. Que pode saír mal?
Misteriosos templos construídos nos albores do tempo, piratas chinesas que fixeron tremer estados enteiros, e a nova entrega sobre mitoloxía paraguaia. Todo e máis no Tigre máis canchero!
Neste episodio contaron historia Guillermo Rodicio, Darío MJ e Philip Webb, con aparición estelar do Rubén.
Comezou Guillermo, que veu revelarnos a misteriosa historia do Gobleki Tepe. Un templo, descuberto en Turquía, con máis de 12.000 anos de antigüidade. Como se construíu, antes da roda ou a alfarería é un misterio. Por que se construíu, aínda máis.
Seguiu Darío, que nos contou a vida de Zheng Shi, seguramente a pirata máis poderosa da historia. Unha biografía apaixonante, de prostituta a conselleira de guerra, con amores, xiros, e flotas todopoderosas.
Por último, Philip trouxo a segunda entrega sobre mitoloxía paraguaia, desta volta coas lendas nacidas despois da guerra da triple alianza. Falamos do batallón Pombero, da plata agochada, das residentas e moito máis.
A xenealoxía secreta do último tema das Tanxugueiras, a teoría do apego para intentar navegar mellor o Tinder, e un creepypasta preparadísimo. Todo no Tigre máis delicioso!
Neste episodio contaron historia Silvia Rodríguez, Violeta Pérez e "Philip D. Webb", con Guillermo Rodicio intentando manter os mandos.
Comezou Silvia, que volve coa súa sección de Cousas de Vellas. O último tema das Tanxus con Rozalén, "A virxe de Portovello", levantou certa polémica entre círculos tradis, por se era unha refeitura impropia dun tema orixinal. Porén, as investigacións de Silvia demostran que as orixes non son sempre únicas, e sempre pode haber unha Rosa Moscoso agochada.
Despois Violeta abriu de novo a caixa dos tronos coa súa sección de saúde mental, Freud debe morrer. Desta volta presentounos a teoría do apego, coas distintas clasificacións das figuras de protección na infancia. Claro, todo con consecuencias e aplicacións tamén en adultos: si, volveu saír o ghosting por aquí.
Por último, Philip, que non está no resto do programa, trouxo algo. Creo que é un creepypasta. Totalmente preparado. Totalmente pensado por el. Feito sen ningún tipo de coacción.
O libro "Attached", de Heller e Levine do que fala Violeta: https://www.amazon.es/Attached-Science-Attachment-Find-Keep/dp/1585429139
O capítulo do Alalá dedicado a Rosa de Moscoso que conta Silvia: https://www.youtube.com/watch?v=EroAxxUQbj8
As lendas e mitos chegados desde Paraguai, a tolísima vida do estafador Victor Lustig e o polémico caso británico de Wagatha Christie, todo no Tigre máis politicamente correcto!
Neste episodio contaron historia Philip Webb, Darío MJ e Violeta Pérez, con Guillermo Rodicio como presentador tiránico.
Comezou Philip, que dedicou por fin unha sección a Paraguai, que para iso fixo a tese. Quixo falarnos dalgúns dos mitos e lendas guaranís, mesturadas coas historias traídas desde Europa polos conquistadores. Unha boa escusa para falar de colonización e mitoloxía.
Despois Darío ofreceu ao Tigre a biografía dun dos máis famosos estafadores da historia: Victor Lustig. Desde os Sudetes ata Chicago, a vida de Lustig está chea de timos apoteósicos, vender a Torre Eiffel, escapar de rangers de Texas e trampear co mesmo Al Capone!
Por último, Violeta estrea sección, chUKminadas. Abrimos co famosos caso de Waghata Christie, que enfrontou nos tribunais a Rebekah Vardy e Coleen Rooney (mulleres de dous famosos futbolistas ingleses), polas filtracións que unha delas facía á prensa de tabloide. Spicy!
Os segredos mellor gardados de Pemán, fondos marinos onde asexan criaturas horripilantes e o misterio das candorcas que atacan veleiros galegos, todo no Tigre do Futuro máis... ben, xa o escoitaredes.
Neste episodio contaron historia Philip Webb e o Rubén Amado, con Guillermo Rodicio como tipo que se escaquea sen sección.
Dedicamos uns minutos iniciais ao Tempo, pero tampouco sei moi ben como resumir isto porque falamos do Malicia Noticias, o Parte, e as webcams 24 horas.
Despois Philip decidiu traer unha sección dedicada ao mar, a pesar de ter talasofobia. Con el fomos ata os fondos mariños máis extremos, onde só chegou Batman? (creo que nos perdimos nalgún cruce).
Por último Rubén, que sigue de zoólogo oficial do podcast, contounos todas as cousas incribles que poden facer as candorcas. E xa metidos en fariña houbemos de resolver o asunto de por que atacan os veleiros galegos, que basta xa de broma.
Marabillosas migracións de aves arredor do mundo, a vida chea de aventuras e plot twist de Alexandre de Fisterra e un soldado finés ata arriba de metanfetamina, todo no Tigre cumbión!
Neste episodio contaron historia o Rubén Amado, Silvia Rodríguez e máis Guillermo Rodicio, con Philip Webb de convidado polisón.
Comezou o Rubén, que por fin trouxo unha sección ornitolóxica ao Tigre! De polo a polo en 5 aves, unha viaxe que fixemos todas xuntas desde Laxe ao polo sur, Groenlandia e volta a Galicia, acompañando a 5 paxaros migradores. Houbo quen imitou a algún paxaro e todo, aí queda.
Despois seguiu Silvia, que hoxe non trouxo cousas de vellas, pero que está xustificado porque a vida de Alexandre de Fisterra ben merecía unha sección. Facemos un repaso pola vida do inventor do futbolín (e de moitas máis cousas, sorprendentes de verdade), e imos con el a París, Sudamérica e México, onde coñeceu a xente cada vez máis e máis famosa. Non sei, houbo tanta sorpresa con Alexandre que acabamos mareados.
Por último Guillermo volveu cun novo protagonista desta xeira súa de historias sobre "Éche ben díficil morrer". Desta volta falounos de Aimo Koivunen, un soldado finés que na Segunda Guerra Mundial por accidente acabou no medio da fronte cheo de metanfetamina ata as cellas. A súa historia e confusa, alucinatoria, e chea de proezas sobre esquís. 10/10.
Comeza unha nova tempada do Tigre! Un ovni nunha escola de Zimbabue, as diferenzas entre a bipolaridade e a identidade disociada e un percorrido pola carreira dos Shamen, todo no Tigre inaugural.
Neste episodio contaron historia Philip Webb, Violeta Pérez e o OputoPablo, acompañados por Guillermo Rodicio aos mandos.
Comezou OputoPablo, que veu cunha nova edición das súas famosas teimas: os aliens. Contounos a historia tolísima da suposta aparición duns ovnis nunha escola de Zimbabue. Como bos ufólogos, acabamos falando de Elon Musk.
Despois Violeta volveu coa súa sección "Freud debe morrer" dedicada a saúde mental. Desta volta quixo esclarecer as diferenzas entre a bipolaridade e a síndrome de idenditade disociativa, que tantas veces se mesturan en películas e na cultura pop.
Por último Philip descubriu para nós un grupazo escocés dos anos 90 de espíritu tecno-punk: os Shamen. Non só nos contou os misteriosos camiños das drogas na súa música, senón que tamén rapeou varias das súas cancións. Repito: neste episodio Philip rapea bastante.
Gozade.
Sectas xaponesas de yoga, activismo gordo e o consultorio de saúde mental máis fresco, todo no último Tigre do Futuro da tempada!
Neste episodio fin de festa contaron historia OPutoPablo, Violeta Pérez e Ánxela Lema, con Guillermo como anfitrión.
Comezou Pablo, que veu falar do terrorífico atentado con gas sarín no metro de Tokio en 1995. A secta autora do atentado, Aum Shinrikyo, supostamente non era nada mais que un "grupo de yoga". Afondamos na vida do seu fundador, o misterioso Shōkō Asahara, o gurú cego que chegou a poñer en xaque ao goberno de Xapón.
Despois Violeta comeza unha sección nova e abre o seu consultorio para responder todas as vosas dúbidas sobre saúde mental. Estreamos o "Pregúntalle a Vio" con varias preguntas do público, sobre rumiación mental, TCA ou vigorexia.
Por último Ánxela trouxo un tema de rabiosísima actualidade: gordofobia e activismo gordo. Aproveitando a polémica co vestido de Kim Kardashian falamos sobre o discurso gordófobo e a escusa da preocupación pola saúde detrás do que se agocha. Da man da poesía de Andrea Nunes facemos un repaso polas reivindicacións do activismo gordo que alza a voz.
Lores ingleses encerrados en aeroportos durante décadas, inventores surfistas sen medo a "expropiar", e un país punky montado nunha plataforma no medio do mar. Todo no Tigre máis aguerrido!
Neste episodio contaron historia OputoPablo, o Rubén Amado e mais o Darío MJ, con Guillermo intentando dirixir isto cara algures.
Comezou o Pablo, que segue namorado das megaestruturas absurdas e loxicamente tiña que acabar falando de aeroportos. Repasamos os mellores proxectos faraónicos para gardar avións e tamén algunhas historias de xente atrapada neles: de Edward Snowden a Karimi Nasseri, o que inspirou a película da Terminal.
Despois o Rubén trouxo unha historia con aires de western marítimo. A lenda de Tito e Rufino, que inventaron o surf galego na Coruña. Viaxes de estraperlo a Francia, hippies sudafricanos e métodos case arcanos para fabricar táboas nun alpendre en San Roque. A historia de homes libres.
Por último Darío colleu unha lancha na costa inglesa para visitar o país máis país que igual non é un país: Sealand. Navegamos pola gloriosa historia desta "nación" fundada nos 60 nunha plataforma no medio do Atlántico, a idea dun romántico que quería facer unha radio comunitaria. Bandeiras, nobreza e soberanía, mais tamén é historia de golpes de estado, decadencia e diplmáticos ingleses enfadados.
Resistencia bisexual e defensa das etiquetas, as respostas a por que a xente non che contesta aos whatsapps, e un plan megalómano de Bruce Willis en Idaho, todo no novo Tigre do Futuro!
Neste episodio contaron historia Ánxela Lelma, Guillermo Rodicio e Violeta Pérez, con Silvia Rodríguez como comentarista.
Comezou Ánxela, que hoxe fixo unha sección case de carta de amor ao libro de Elisa Coll "Resistencia bisexual" de Elisa Coll. Falamos sobre as dificultades de socializar a bisexualidade, da necesidade das etiquetas e a relación entre identidade e prácticas.
Despois Guillermo contou unha historia de puros 90, mestura de poder, prensa, estrelas de cine e a vida en Idaho. A historia de como Hailey, unha pequela vila mineira, sufriu unha revolución cando Bruce Willis decidiu que ía esculpila a base de diñeiro e proxectos a cada cal máis tolos. De Hailey a Haileywood
Por último Violeta dedicou unha sección ao Ghosting e as relacións circulares. Falamos do fenómeno da desaparición en redes, do silencio e non contestar. Por que acontece o ghosting, e algunhas historia alucinante da súa peor cara.
00:30 Entrada e pregunta.
11:15 Sección Ánxela sobre Resistencia bisexual
34:35 Sección de Guille sobre Hailey e Bruce Willis.
57:30 Sección de Violeta sobre ghosting e relacións circulares




