Discover
Canto Conto - Podcast
Canto Conto - Podcast
Author: MJ Perez
Subscribed: 1Played: 1Subscribe
Share
© 2026 MJ Perez
Description
Que é "Canto Conto"? Nesta pequena presentación cóntovos de que vai este podcast e o porqué da súa creación. Queremos compartir co público dun xeito cercano e entretido a realidade dos nosos camiños e do noso traballo.
Converso con persoas que para min son de grande interese por diversos motivos e só agardo que atopetes nestas conversas entretimento, reflexión e puntos de encontro. Síguenos, podes esecoitarnos en iVoox e Spotify.
Podes seguir tamén as RRSS de MJ Pérez para estar ao tanto da saída de cada novo capítulo.
Converso con persoas que para min son de grande interese por diversos motivos e só agardo que atopetes nestas conversas entretimento, reflexión e puntos de encontro. Síguenos, podes esecoitarnos en iVoox e Spotify.
Podes seguir tamén as RRSS de MJ Pérez para estar ao tanto da saída de cada novo capítulo.
26 Episodes
Reverse
Esta é, sen dúbida, unha das conversas máis especiais do podcast ata a data.
Se ben é certo que coñezo a Cristina dende cativa, como tantos de nós, de vela actuar na TV ou escoitala na radio, podo dicir que tiven a sorte de coñecela hai algo máis de 10 anos atrás, nunha etapa na que eu era todo ilusión, nunha etapa na que foi moi importante para min dar cun referente coma ela. E si, falo dela coma referente, coma inspiración (aínda que reflexionamos sobre este concepto na conversa).
Había uns cantos anos que non cadrabamos, e foi agora, entre este momento de presentación de Fora de foco, a súa última novela, e o pretexto deste podcast, que nos volvemos xuntar.
Con ela tiven a sorte de ter unhas cantas conversas ao longo dos anos que me fixeron reflexionar moito e que me axudaron en momentos clave. E esta é unha máis, só que cun micro diante, para facervos partícipes tamén a vós. Coma sempre, xenerosa comigo, e eu, agradecida con ela.
Acompañádenos nesta conversa :)
Este episodio é o "crossover definitivo", as "Pérez" xuntas á conversa!
Hai tempo que me apetecía sentar un día con Lucía Pérez para coñecela mellor e saber máis do seu camiño e carreira, e que mellor ocasión de facelo que aquí, no Canto Conto e compartilo con vós!
Neste episodio falamos de música, do importante que é facer camiño, de xeitos diferentes, de atopar cada quen o seu camiño para avanzar en firme. Tamén facemos un repaso sobre moitas experiencias e vivencias de Lucía ao longo da súa carreira, dende que gañou aquela primeira edición da Canteira de Cantareiros con apenas 18 anos ata o seu paso por Eurovisión no 2011.
Acompáñanos nesta conversa do máis interesante!
Coñecino na Facultade, non pasaba desapercibido (na conversa descrubriredes por qué), mais se algo me une a Joshua son as peripecias. Na miña memoria gardo con moito cariño momentos e anécdotas algunhas surrealistas, outras emotivas, porque ter un "mago" na Facultade, non era cousa menor! O caso é que foi o Audiovisual o que nos uniu e a vida a que fixo que compartisemos momentos coma un videoclip (nada máis e nada menos que o meu primeiro). Aínda lembro os tempos nos que Joshua sacaba adiante a carreira mentres, paralelamente estudaba Ilusionismo en Madrid, a súa aposta ía moi en serio, e non lle faltaba razón e confiar na súa intuición porque está claro que naceu para isto. Hoxe vexo como vai polo mundo adiante facendo espectáculos, gañando premios, facendo do ilusionismo a súa profisión e vida... e que orgullosa estou! Disto e moito máis falamos neste episodio, acompáñanos!
PD: Atención, porque hai truco! Teredes que prestar moita atencion...
Lidya Queiruga é unha gran fotógrafa que tiven a sorte de cruzar no camiño e que rematou por converterse nunha gran amiga. E é que, como podedes ver na conversa, alén de ser unha persoa coa que se pode falar de todo, filosofar un chisco e desafogar outro, é alguén que sempre ten cento e unha cousas que contar e da que sempre aprendo, nunca deixo de aprender cousas con ela. Ela fai mil cousas, anda en moitos “saraos” pero eu destaco dela a súa gran paixón e talento como fotógrafa de natureza, é iso o que lle enche o corazón e ben se sinte na hora de falar e tamén no que transmite dende os seus encuadres. Viaxou por moitos lugares, contemplou e retratou centos de paisaxes, e detrás de cada foto hai historias, tantas que non chega un só capítulo para contalas.
Falamos de fotografía, mais falamos tamén do que supón voltar a Galiza por parte dunha persoa que viviu fora uns cantos anos, do duro dese regreso. E falamos tamén da vivenda… por que sen pretendelo, é “o tema” que está presente nas conversas da nosa xeración un día tras outro.
Acompañádenos nesta conversa!
Eu sabía que Baia era unha muller creativa, con sentido do humor e moi interesante, mais nunca tiven oportunidade de coñecela coa calma dunha conversa. Seguramente vos pase coma a min, tropecei con ela en internet, a través dos seus vídeos, do seu xeito de falar e de expresarse, onde o humor se une á crítica por veces, cunha boa dose de retranca e con reflexións interesantes que quedan no aire para convidarnos a darlle uso á cabeciña. Mais Baia é desas persoas que non paran, pois está en diversos proxectos, pasando pola escrita, o teatro, a comunicación e tamén a educación emocional. É, sen dúbida, desas persoas coas que dá gusto falar, coas que se aprende moito e coas que estaría horas e horas á conversa. Acompañádenos nesta parolada interesante na que falamos de todo un pouco, reflexionamos sobre o humor, as redes, as emocións e moitas outras cousas.
Este é un especial gravado na propia mesa do Natal, en Portugal onde, como cada ano, paso o Natal coa miña familia. Crin que era un bo momento para dar voz e protagonismo a esta "Família (quase) perfeita" e achegarvos un pouco o que é o Natal na miña zona, como o celebramos, as tradicións e costumes, así coma a comparativa entre xeracións como era antes e como evolucionou, etc. Hai tempo tamén para un pouco de show e performance, para cantar, e para facer consultas de diccionario. Un pódcast máis informal e co caos propio da mesa do Natal, e o primeiro en portugués deste Canto Conto. Agardo que vos guste.
Conversar con Luisa sempre é un pracer e unha aprendizaxe, tiña moi claro que algún día quería facelo cun micro diante para compartilo con vós. E é que Luisa e mais eu cruzámonos no camiño do xeito menos esperado, eu a media carreira universitaria, ela tras a xubilación, e foi a poesía a que nos uniu. En Luisa descubrín unha amiga, mais tamén unha persoa boa e cunha experiencia vital tremenda, con moito que contar e moito do que aprender. Compartimos hoxe un anaco diso, da súa experiencia como mestra (iniciada aínda en tempos de Dictadura), como defendeu sempre a lingua e a cultura, todo o seu percorrido e amor pola escrita... todo isto e moito máis nesta conversa na que só vos podo convidar a compartir con nós.
Hoxe conectamos directamente con Nova Iork, e é que seguirlle a pista a Aida non é para nada doado. Dende que saiu do seu Rianxo natal, pasou xa por Barcelona, París, Rotterdam... ata rematar en Manhattan co propósito de dedicar a súa vida e formación ao piano e á música. E é que Aida é, sen dúbida, un talento xigante da nosa Terra, que alén do seu crecemento profisional e persoal, nunca esquece de onde vén e Galiza está sempre moi presente no seu día e na súa obra. Facemos un balance do camiño feito ata agora e do que estará por vir. Persoalmente, alén da admiración que teño por ela e por vela medrar no seu camiño, sempre é un pracer conversar con Aida e sempre aprendo moito. Acompañádenos nesta conversa!
Hoxe a conversa é con Laura Romero, para quen non a coñeza, Ilustradora, creadora de proxectos como Músicas Galegas Ilustradas, Ferreñas e Rock and Roll, poñendo forma e cor a moitos libros e proxectos, ademáis de todo isto tamén é música. Ilustradora e baixista, pasando por diveros proxectos, entre eles o meu propio, e pertencendo á mítica banda Zënzar e tamén a Cuarta Xusta. Falamos de moitas cousas, ilustración, reflexionamos sobre varios temas e tamén abordamos o desafío que supón a aparición da IA no mundo da ilustración e como está afectando neste momento.
Hai tempo para rir, tamén para opinións impopulares, debatir sobre varias cuestións e, sobre todo, para pasar unha boa mañá de domingo en Ordes. Sexa como sexa, conversar con Laura sempre é un pracer e temos carrete para máis, pero iso terá que quedar para outra ocasión!
Neste episodio sento a conversar cunha das miñas persoas favoritas: Richi Casás. E por que é unha das miñas persoas favoritas? Ídelo descubrir na conversa.
Músico, profesor, e moitas cousas máis... envolto en moitos proxectos, forma parte actualmente da Banda Xangai mais xa estivo noutros outros proxectos entre os que se atopa tamén Os Papaqueixos ou MJ Pérez (aquí servidora). Comigo non hai nada do meu repertorio con ventos porque a calidade musical e humana de Richi é un tesouro do que tiven e teño a inmensa sorte de ser participe. Aprendín moito del a nivel musical pero aprendín moito máis a nivel humano porque no mundo, e máis concretamente no musical, hai que mirar ben onde poñemos a alma para non perder o sorriso.
Falamos diso, das luces e sombras da música, dos seus proxectos e camiño feito, e conversamos un bo anaco de "Fuliada na Vila" un libro-disco que tedes que coñecer, para reflexionar sobre o noso legado musical na tradición e tamén para reflexionamos sobre as recollas e que é o que ocorre con ese legado.
Acompañádenos nesta conversa na que eu debo confesar que ata houbo momentos que esquecín que tiña un micro diante mentres, sen decatarme, tiña a boca aberta. Xa contaredes vós que tal!
Neste episodio teño a sorte de sentarme a conversar con Ugia, máis coñecida dun tempo para aquí como "A Pedreira", unha muller valente desas que ensinan os dentes, exemplo e referente dentro e fora do escenario e, sen dúbida, un espello no que mirarse e do que aprender.
Para quen a coñeza, non hai moito máis que engadir. Que non... estades tardando. A traxectoria artísitica e vital de Ugia é digna de contar (e ninguén coma ela para facelo) e, precisamente, desta conversa nacen moitas reflexións. Nós reflexionamos, pero convidámosvos a que o fagades vós tamén con nós. Queda todo dito, acompañádenos nesta conversa!
AVISO IMPORTANTE: Este capítulo é un pouco friki, aviso previamente.
Hoxe traemos o episodio máis multitudinario, somos 5 á conversa. Séntome para falar con Sara Souto, Sara García, Sara Gallego e Alba Mosquera (Srta Lexus), algunhas das compoñentes da T3 para falar de que é isto e como xurdiu, asi coma tamén múltiples aventuras e viviencias destes últimos meses.
A definición curta é que a T3 é unha "Peña non-peña do DeporFem". A descripción boa (da man de Sara Gallego) é:
Que é a T3?
Un grupo de rapazas, de distintas zonas de Galicia e diversos ámbitos profesionais, unidas por unha mesma paixón: o Deportivo Abanca.
Coñécense por separado na bancada da Cidade Deportiva de Abegondo e fortalecen o seu vínculo a través das redes sociais. Na temporada 2023/24, a terceira do Dépor na segunda división, comezan relacionar o número '3' co entorno do equipo e aférranse a el coma amuleto para crer no ascenso, tanto en Abegondo como nos desprazamentos lonxe da Coruña aos que asistiron.
Se queres saber máis, acompáñanos nesta conversa!
Neste novo episodio converso cunha artista multidisciplinar e chea de talento: Sofía Espiñeira. Con ela teño moitas en común a pesar de ser moi distintas en mil aspectos, tiven a sorte de compartir escenario con ela e de aprender moito dela. Facemos balance do camiño, pois fomonos atopando en diferentes momentos importantes, reflexionamos sobre varias cuestións e de como nos sentimos como artistas solistas e tamén debatimos sobre algunha cuestión porque sempre está ben abrir algún melón.
Se non coñecedes a Sofía, estades tardando, asi que esta é unha boa ocasión para coñecela e seguir o seu traballo!
Tanea, tamén coñecida como Tanea Caamaño, é para min unha das voces máis destacadas do panorama musical galego actual. Formou parte de proxectos coma Samarúas e actualmente está presente en proxectos coma Pan Sen Fron, Xurxo Fernándes, Fillas de Cassandra ou Budiño. Falamos da cara doce e amarga da música, mais, principalmente, falamos do camiño. Falamos do pasado, do presente e das esperanzas de futuro. Disto e moito máis... acompañádenos nesta conversa!
Hoxe falo con Iván Touris, melómano e unha desas persoas que traballa para a difusión e promoción da música galega por amor ao arte, creando proxectos, entrevistando a todos os grupos e proxectos que pode... como digo na conversa "o entrevistador entrevistado". Para moitos músicos, unha cara coñecida nos concertos, pois é desas persoas que asiste a todo canto pode e sabe dar valor a todos os proxectos e estilos. Reflexionamos sobre diferentes aspectos do noso sector musical, da situación actual que vivimos, problemas, retos, etc.
Se queredes compartir este anaco con nós, búscanos, estamos en Spotify, iVoox, Apple Podcast e Podimo!
Laura Marín é, por así dicilo, unha especie de "Hannah Montana", alguén que vive entre dous mundos completamente diferentes: por unha parte o seu día a día coma unha estudante máis da UDC, unha persoa máis paseando polas rúas da Coruña... e por outro, case unha estrela musical alá polos balcáns, onde é tremendamente coñecida. Por que? Cómo? Que me estás contando? Escoita o pódcast para coñecer esta historia!
Eu coñecía a Laura xa de atrás, vin e seguín a súa evolución, con moita admiración e orgullo, mais a primeira vez que nos vimos en persoa foi para gravar esta conversa. Non a perdades porque non vos vai deixar indiferentes! Acompañádesnos?
Hoxe falamos de audiovisual e produción! Conversamos con Andrés Seijo, unha das persoas que está detrás da produción de moitos títulos que seguramente coñezades ou teñades visto en Netflix ou no cinema.
Andrés mais eu coñecímonos cando estudiabamos Comunicación Audiovisual na Universidade da Coruña, xa daquela temos compartido aventuras, mais a vida, o traballo e as circunstancias fixeron que estiveramos varios anos sen coincidir. Fun seguindo a súa pista e vendo coma ía avanzando e medrando no seu camiño, pasando por producións coma Salta!, Hasta el Cielo, Infiesto, Código Emperador, El Desorden que Dejas, La Unidad, Quien a Hierro Mata, María y los Demás, Fariña... etc.
Se ben seguimos caminos ben distintos, temos un nexo de unión moi potente: a nosa paixón pola produción e o audiovisual, e de aquí sae esta conversa do máis interesante! Acompañasnos?
Neste episodio a conversa é con Leti da Taberna, se ben xa nos coñeciamos de moitos anos atrás, foi unha boa ocasión para atoparnos de novo neste punto de encontro no que compartimos unha morea de cousas interesantes. Leti á que algúns apodan como "tiktoker" é, sen dúbida, unha persoa con moito enseño e que emprega o humor como ferramenta de expresión dun xeito moi natural e cercano. Se isto xa é de sempre, comezou a medrar e a chegar ao público a través do mundo das redes sociais (e agardamos que agora nos escenarios tamén). Ao longo destas case 2 horas de conversa, tivemos tempo de poñernos intensas, de reflexionar sobre os nosos camiños, Leti dende o humor e as redes, eu dende a canción e os escenarios... falamos de lingua, de retranca, do mundo das redes sociais e as súas tripas e de moitas máis cousas. Acompáñanos nesta conversa!
Hoxe a conversa é con Fran Paz, que probablemente coñezades por Fran Piña, Ancho, Fran Tarramplán... ou o forense de "Rapa", non sei! Dende logo unha persoa que reune múltiples cualidades, moito talento e unha gran sensibilidade. Diría de Fran que é actor, pero moito mais ca iso, pois ten un enxeño e unha capacidade de improvisación capaz de meter ao público no peto nunca abrir e pechar de ollos. Acompañádenos nesta conversa do máis interesante na que afondamos, sobre todo, na difícil tarefa de buscar o noso lugar no mundo e reflexionamos da dificuldade da escolla de loitar por facer aquilo que nos gusta.
PD: Tamén falamos de Feiraco, os idiomas e Duolingo, á espera impaciente de que nos caia un patrocinio, un pack de leite ou unha suscripción anual gratis... por soñar que non sexa!
Neste episodio converso con Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman, elas son A Panadaría, unha das compañías de teatro máis destacadas do panorama galego que, independentemente dos recoñecementos obtidos ao longo dos seus 10 anos de existencia, se por algo destacan é polo seu talento. E así é como o público enche os teatros alá por onde van. Conversamos da cara A e a cara B do traballo, do bonito pero tamén de todo o que implica e o que hai detrás, de todo o esforzo e sacrificios que conleva. Acompañádenos nesta conversa!







