DiscoverResonancias. Foro profesional de instrumentos musicais
Resonancias. Foro profesional de instrumentos musicais
Claim Ownership

Resonancias. Foro profesional de instrumentos musicais

Author: Música no Claustro

Subscribed: 1Played: 10
Share

Description

Resonancias é unha plataforma de divulgación de diversas experiencias, reflexións e ideas relacionadas coa investigación, a conservación e a construción de instrumentos musicais. Os contidos deste podcast forman parte do Foro profesional impulsado pola Fundación Pública Artesanía de Galicia, no festival Música no Claustro con sede na Catedral de Tui.

Este PODCAST está financiado pola Unión Europea a través dos fondos Next Generation do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Ministerio de Cultura, no marco das Axudas Públicas para a Promoción do Sector do Videoxogo, do Podcast
53 Episodes
Reverse
Construír un instrumento é manter viva a herdanza dunha cultura. Cristina Ramírez e Álvaro Seivane representan a dúas familias senlleiras na construción de instrumentos musicais: Guitarras Ramírez e Gaitas Seivane. Neste conversa comparten o compromiso de manter estas sagas familiares e a salvagarda dun valioso patrimonio inmaterial, así como os retos e oportunidades na transformación do negocio impulsados pola dixitalización e as novas vías de comercialización no horizonte da Axenda 2030.
No ano 1921 naceu en Fonmiñá o artesán Xosé Manuel Seivane. O coidado que aplicou na construción das súas gaitas valeulle o recoñecemento de numerosas xeracións. Tras o seu falecemento en 2012, o filólogo Xosé Manuel Sánchez Rei ocupouse de escribir a súa biografía “A Gaita con maiúscula” publicada pola Editorial Canela. Neste libro resultan fundamentais as testemuñas da súa familia, herdanza viva deste legado no obradoiro de Gaitas Seivane.
A guitarra eléctrica é un instrumento que está vencellado ás grandes marcas internacionais. O obradoiro Franfret Handmade Guitars, ubicado na Coruña, constrúe cada guitarra desde o diálogo co intérprete. Cada instrumento adáptase ao estilo musical e preferencias da persoa na elección das súas madeiras e tamaño, buscando unha guitarra real, viva e orgánica. Esta idea é a clave do éxito no seu principal mercado: Alemaña.
Os órganos históricos conforman unha das principais coleccións do patrimonio musical galego. Entre eles atópase o da Catedral de Tui, do século XVIII, restaurado en 1995 por Gerhard Grenzing. Ante a falla de organeiros galegos ao coidado deste legado, Belén Bermejo e Andrés Díaz comezaron en 2007 a confección dun inventario e catálogo para o recoñecemento destes instrumentos, xunto a súa divulgación nos festivais Espazos Sonoros ou De Lugares e Órganos, entre outras iniciativas.
A Casa-Museo Huerta de San Vicente garda a guitarra de Federico García Lorca, construída polo artesán granadino José Ortega sobre 1906. Desde a súa restauración, realizada por Francisco Manuel Díaz en 1996, a guitarra é un instrumento vivo. Samuel Diz, intérprete e investigador da música orixinal da Xeración do 27', gravou na propia casa do poeta o primeiro traballo discográfico realizado con esta simbólica guitarra.
No Museo de Pontevedra atopamos unha das principais coleccións de instrumentos musicais da provincia. Unha colección permanente que foi adquiríndose desde a súa fundación, impulsada pola Sociedade Arqueolóxica. A conservadora Natalia Fraguas achéganos como foi a súa xestión, tanto a nivel de difusión como de conservación, así como a situación actual e os plans de futuro previstos para a mesma.
A Universidade de Santiago de Compostela custodia dous violíns que pertenceron ao intérprete e compositor de orixe galega Andrés Gaos Berea. Un deles é un modelo alemán de finais do século XVIII, vencellado á escola de Mittenwald. O artesán Jose Catoira, presidente de GLAE, Gremio de Luthiers y Arqueros de España, presenta os criterios e retos do proceso integral de restauración deste instrumento.
A conservación integral dos instrumentos musicais nos museos entra en conflicto coa deontoloxía da restauración e preservación patrimonial. Como solución, Régis Floury propón un cambio de paradigma desde o coñecemento e aplicación das técnicas de fabricación antigas que estudou na súa Francia natal, no Instituto Nacional de Patrimonio. Na actualidade constrúe e restaura instrumentos musicais en Hylica, un novo espazo de divulgación das técnicas antigas da artesanía en Sabarís.
Adentrámonos no interior da Catedral de Tui para descubrir a súa iconografía musical. Levamos a atención aos retablos barrocos do órgano, das reliquias de San Telmo ou da Expectación, onde unha orquestra de querubíns dialoga coa gaita do pobo recibindo ao neno Xesús. Un percorrido artístico da man da historiadora da arte Sara Quintana, guía oficial de turismo de Galicia e profesora titora da UNED de Pontevedra.
Non hai intérprete sen instrumento, nin instrumento sen intérprete. Begoña Riobó e Anxo Pintos, integrantes do dúo Parvo, protagonizan o concerto de RESONANCIAS 21. Nesta conversa xunto aos artesáns José Catoira e Ramón Corral afondan na relación simbiótica entre intérpretes e luthieres.
A única representación musical do románico da Catedral de Tui atópase no capitel do cruceiro sur que da acceso ao claustro. Un vestixio iconográfico de varios músicos ao carón dun xinete. O historiador Suso Vila presenta a súa investigación inédita sobre un dos capiteis máis sorprendentes e á vez más descoñecidos da sede tudense.
Na Catedral de Santiago están representadas seis violas ovais, o que nos mostra a importancia do instrumento na Idade Media. Xermán Arias, do obradoiro Arxemil en Sarria, realiza unha interpretación persoal da iconografía musical destes instrumentos que responden a parámetros morfolóxicos parecidos, reflexionando sobre as técnicas de construción antigas e o emprego de madeiras locais.
Na súa tese de doutoramento "A guitarra na Galiza" defendida na Universidade de Santiago de Compostela no ano 2021, Isabel Rei Samartim trazou un mapa do patrimonio monumental galego coa atención posta nos instrumentos de corda pulsada. Este conxunto de referencias iconográficas, no que atopamos o retablo da Expectación da Catedral de Tui, evidencia o uso civil e relixioso destes instrumentos en Galicia entre os séculos XII e XVIII.
O enxeñeiro Francisco Pedras Saavedra, técnico titular do Centro de Innovación e Servizos Tecnolóxicos da Madeira da Xunta de Galicia, aporta a visión intersectorial nesta mesa redonda compartida cos artesáns Xaneco, Pablo Sánchez Otero, Héctor Salgado e Xermán Arias. As súas principais reflexións xiran sobre a sistematización do diálogo entre os propietarios das plantacións forestais e os artesáns, xunto ás posibles aportacións tecnolóxicas e aplicacións da investigación e innovación científica no reto de empregar madeiras galegas nos instrumentos musicais.
A introdución da gaita nos conservatorios supuxo a aparición dun repertorio contemporáneo con novas necesidades dos seus intérpretes, onde o instrumento dialoga con outros rexistros, en ocasións máis graves. Coa finalidade de aumentar o emprego e fiabilidade do punteiro con afinación en Sol, os obradoiros de Gaitas Gil e Antón Corral realizan un traballo colaborativo. O obxectivo é abandonar o concepto de “baixo” deste punteiro buscando a mesma versatilidade que un punteiro de afinación en Do, sendo fieis ao son da escola Corral.
Héctor Salgado, de Morenita Percusións, afronta unha nova investigación etnomusicolóxica da provincia de Ourense. Nas Frieiras, no límite entre Galicia, Castela e Portugal, consérvase un adufe antigo cunhas características singulares que o diferencian dos demais pandeiros peninsulares. A súa adufeira foi Carmen, falecida no ano 1913. Un século despois coñecemos as características organolóxicas deste instrumento de percusión, tales como a súa morfoloxía, a forma constructiva e os materiais empregados.
Na segunda metade do século XIX o almeriense Antonio de Torres transformou o concepto de construción da guitarra. Pablo Sánchez Otero descubriu este legado inmaterial de saberes do oficio a través do matrimonio José Luis Romanillos e Marian Harris Winspear. Despois de vivir en Amberes, a comezos de 2020 Pablo instalou o seu obradoiro na Coruña. As súas guitarras están presentes, principalmente, no mercado nipón.
Os novos usos dos pandeiros, pandeiras e pandeiretas traen aparellados diversos problemas que hai que solucionar. A motivación do Obradoiro Xaneco desde os seus inicios foi a mellora e innovación destes instrumentos tradicionais de percusión de man. Desde Outeiro de Rei traballa na investigación de novos sistemas de tensión e o emprego de parches sintéticos que permitan controlar a afinación.
Cabo Verde e o Batuku

Cabo Verde e o Batuku

2025-12-3138:42

Neste episodio de Resonancias viaxamos ao Festival de Batuku de Tarrafal, na Illa de Santiago, para achegarnos a unha das manifestacións culturais máis antigas e poderosas de Cabo Verde.A través da música, da danza e da palabra, percorremos a historia dun ritmo que sobreviviu á represión colonial grazas ao enxeño, á resistencia e ao papel fundamental das mulleres na súa preservación.Contamos coa participación de Mário Lúcio, Marisa Correia e Ana Paula Moura, tres voces clave para comprender a evolución do batuku, desde os espazos comunitarios ata os escenarios contemporáneos. Unha expresión cultural viva que segue a expandirse máis alá do arquipélago, conectando memoria, identidade e novas xeracións.Dirección: Beatriz FontánProdución executiva e comisariado: Samuel DizDeseño gráfico: Beatriz FontánRevisión lingüística: Olga NogueiraInterveñen: Mário Lúcio, Marisa Correia e Ana Paula MouraFotografía de portada: ©Beatriz FontánEste PODCAST está financiado pola Unión Europea a través dos fondos Next Generation do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Ministerio de Cultura, no marco das Axudas Públicas para a Promoción do Sector do Videoxogo, do Podcast e doutras Formas de Creación Dixital.
Os museos de música son espazos onde o patrimonio material dialoga co son, coa memoria e coa práctica viva. Neste episodio achegámonos ao Museu de la Música de Barcelona para coñecer como se constrúe, se conserva e se activa unha colección de instrumentos musicais nun museo especializado, en paralelo á preservación de acervos persoais de nomes propios da música catalá.Conversamos con Marisa Ruiz Magaldi, xefa de coleccións e documentación desde 2015, sobre a historia e a estrutura da institución, os criterios de adquisición e exposición, o papel das reservas e os retos da conservación preventiva. Falamos tamén dos protocolos que determinan cando un instrumento pode soar e cando debe permanecer en silencio, así como das vías de acceso á investigación do acervo do museo.Dirección: Beatriz FontánProdución executiva e comisariado: Samuel DizDeseño gráfico: Beatriz FontánRevisión lingüística: Olga NogueiraIntervén: Marisa Ruiz MagaldiMúsica: "So de pastera”, do compositor Baltasar Samper (Mallorca, 1888- México, 1966), interpretada por Javier Riba e Samuel Diz en "Memoria de la melancolía" (Poliédrica, 2020). Fotografía de portada: ©Beatriz FontánEste PODCAST está financiado pola Unión Europea a través dos fondos Next Generation do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Ministerio de Cultura, no marco das Axudas Públicas para a Promoción do Sector do Videoxogo, do Podcast e doutras Formas de Creación Dixital.
loading
Comments