DiscoverA ferida aberta no 36
A ferida aberta no 36
Claim Ownership

A ferida aberta no 36

Author: A ferida aberta no 36

Subscribed: 0Played: 0
Share

Description

Neste podcast preténdese rescatar a memoria daqueles homes e mulleres perseguidos polo franquismo e que pagaron coas súas propias vidas o seu compromiso co país. En cada capitulo percorreremos Galicia seguindo a pegada deixada polos fascistas desde o alzamento militar de xullo do 1936 e recreamos as experiencias das vítimas a través de documentos históricos e literarios e dos testemuños dos seus familiares e amigos.
32 Episodes
Reverse
O Goberno dá os primeiros pasos para investigar os crimes e as violacións dos dereitos humanos cometidas en España durante aGuerra Civil e a ditadura franquista. Oorgano designado para levar a cabo esta tarefa é a Comisión da Verdade, que contará cun subgrupo que se encargará especificiament edeinvestigar os abusos cometidos nos centros controlados polo padroado de proteccion á muller. Co director da Fundación Luis Tilve, Guillerme Pérez Aguya falaremos sobre esta cuestión e tamén cos familiares de dúas das 53 mulleres recoñecidas como vítimas do Padroado. Falamos de Manuela e Leontina, nai e avoa de Salomé da Torre e Jessica Pérez. Co presidente da Asociacion Memoria Histórica Democrática de Ferrol falaremos da restitución da memoria da mestra socialista María Vazquez e do plan da Deputación para tentar exhumar a fosa de Serantes. Unha tarefa complicada, do mesmo xeito que a que se presenta na fosa de Beira, en Carral como nos conta o presidente da asociación Cultura Aberta de Carral. E pecharemos capítulo en Salceda, onde foron identificados os restos de dous represaliados de Tui exhumados o verán pasado. Conversaremos coa sobriña neta dun deles, Gachi Fernández e coa presidenta da CRMH do Baixo MIño, o Condado e A Louriña. Historias, todos elas, que falan da devolverlle as vítimas a verdade, xustiza e reparación que levan décadas demandando.
Despois de sete anos batallando nos xulgados, o Tribunal Supremo confirmou a devolución ao Estado do Pazo de Meirás, usurpado polo ditador durante a guerra e empregado pola súa familia durante décadas. A obriga a indemnizar os herdeiros de Franco causa malestar entre as asociacións memorialistas, os expertos e as administracións, que están dispostos a loitar para impedilo. Analizamos o contido da sentenza e as súas consecuencias e reflexionamos sobre os usos que se lle debería dar a esta peza, símbolo do espolio franquista, e aproveitamos para falar da devolución de outro ben roubado durante a ditadura: dúas esculturas do mosteiro de Carboeiro. Interveñen neste episodio: * Carlos Babío, presidente da CRMH. * Benito Portela, alcalde de Sada. * Emilio Grandío, historiador, membro da comisión de expertos. * Francisco Prado Vilar, historiador de arte.
Os protagonistas deste capítulo son a militante comunista Isabel Ríos e o guerrilleiro Benigno Andrade, Foucellas. Dous exemplos de compromiso e resiliencia pero tamén da represión exercida por un réxime que respostaba con dureza a calquera forma de resistencia. Isabel foi detida, encarcerada e condenada a morte. A seu home fusilárono; a ela conmutáronlle a pena pero se viu obrigada a exiliarse ante o acoso incesante do réxime. Cóntanolo o seu fillo, Manuel Calvelo, e o xornalista Xosé Antonio García Ferreiro, tradutor das memorias desta. Tanto Isabel como o seu home serviron de apoio a Foucellas; un maquis que trouxo de cabeza ao Réxime e que conseguiu esquivar os seus perseguidores durante 16 anos. Aproximámonos á súa figura coa axuda do investigador Luis Lamela. E falamos coa historiadora Lucía Santiago, de Histagra, da aparición dos restos de varios colaboradores de Foucellas que apareceron nunha fosa de Luou. Completamos relato co traballo 'As bocas cosidas', de Marilar Aleixandre, unha viaxe pola memoria familiar da escritora e tamén da historia da guerrilla. Unha conversa coa académica da RAG en que aproveitamos para conversar sobre Begoña Caamaño, a autora homenaxeada este ano co gallo das Letras Galegas.
Ás veces, as pezas do puzzle comezan a encaixar. Despois de anos de loita, a xustiza anulou o consello de guerra que condenou á pena capital a Amada García, militante comunista de Mugardos fusilada no 1938 en Ferrol. Foi todo un acto de reparación que chega 88 anos despois da súa execución. En Ponferrada, mentres, o equipo de Sputnik Labrego conseguiu dar cos verdadeiros restos do guerrilleiro Manuel Girón, abatido pola Garda Civil no 1951. Son dúas das historias do capítulo 28 deste podcast no que falaremos da iniciativa do concello de Tui para anular os xuízos ditadura, ou da proposta da asociación MoradAura de Padrón para conseguir que a antiga Azucreira de Iria Flavia que albergouun campo de concentracion durante a guerra sexa recoñecida como Lugar de Memoria Democrática. Pero ademais falamos da nova páxina Mulleres, homes e homiños da CRMH que recolle as fichas de 18.000 vítimas do franquismo e da iniciativa da comisión O Castro para salvar o Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside de Sada.
Arrincamos a segunda temporada de 'A ferida aberta no 36' coa vista posta en Vigo. O enfrontamento armado comezou alí tras a lectura do bando de guerra na Porta do Sol o 20 de xullo do 1936. O capitán Carreró deu orde de disparar e o resultado foi unha vintena de mortos, dúcias de feridos e outros tantos encarcerados. Despois viría a resistencia épica de Lavadores e, tras dela, as represalias. Transitaremos por estes escenarios coa axuda do historiador Xoan Carlos Abad Gallego, do Instituto de Estudos Vigueses; do documentalista Xan Leira, neto de Flora de Dios e Agustín Leira, presos tralos golpe do 36; e de Xavier Moreda, presidente da Asociación MVX de Vigo e neto, bisneto, sobriño e curmán de represaliados. Falaremos tamén da traxedia do Bou Eva, que lle custou a vida a oito homes e unha muller no 1937, e farémolo co historiador Xesús Santos e de Sonia Fontán, neta e sobriña neta de dous dos falecidos. Pero ademais, regresaremos a San Simón con Flako Estévez protagonista da longametraxe 'San Simón' de Miguel Ángel Delgado, e percorreremos os mundos de Otero Pedrayo a través da secretaria da Fundación, Patricia Arias Chachero.
No capítulo de hoxe propoñémosvos viaxar ao corazón indutrial de Galicia dos anos 70; a aquel ano 1972 no que a clase obreira galega puxo contra as cordas un réxime que comezabn a esmorecer. Milleiros de traballadores participaron nas protestas que paralizaron Ferrol e Vigo e que se saldaron con dous traballadores mortos, dúcias de feridos e centos de despedidos e de detidos, moitos deles encarcerados. Tras delas, virían as protestas estudantís de Compostela destadas tras o asasinato a mans da policía franquista do estudante Chema Fuentes. Rememoramos o ocorrido con Víctor Santidrián, da Fundación 10 de marzo, con Alfonso Tellado, Fina Varela, Suso Chaves e Telmo Varela, represaliados, e con Manuel Mera, fundador de ERGA. Grazas aos seis e tamén a Manuel Reboiras e Pichi Varela, por axudarme a tecer a rede que fai posible este traballo.
Coincidindo cos cincuenta anos da morte de Franco e o 47 aniversario da Constitución Española analizamos o camiño andado nos tribunais de xustiza para axustar contas coa ditadura. Como o regreso a Compostela das estatuas do Pórtico da Gloria espoliadas hai 70 anos, a anulación en Ferrol das primeiras sentenzas condenatorias ditadas por tribunais franquistas ou a citación ante a xustiza do exministro Martín Villa en relación co primeiro crime cometido durante a transición. Pasos cativos pero firmes para conseguir a verdade, xustiza e reparación reclamada polas vítimas. No capítulo 25 de 'A ferida aberta no 36' conversamos con Carmen Mendiguchía, Pepe Varela e Llum Quiñonero, de Ceaqua, sobre a represión sufrida por Miguel Mendiguchía Real, José Varela Cachaza e Teófilo del Valle; analizamos o alcance da represión franquista en Galicia co decano da Facultade de Xeografía e Historia de Santiago, Antonio Míguez Macho; e os momentos máis delicados polos que atravesou o réxime coa axuda do catedrático de Historia Contemporánea da USC, Emilio Grandío, coautor de 'La España Espiada'. Ademais, co gallo do Ano Castelao, falamos con Luis Martínez-Risco da relación entre Vicente Risco e o intelectual de Rianxo aproveitando a exposición "Vicente Risco e Daniel Castelao. Galiza como proxecto vital" aberta en Allariz.
Neste 25N analizamos as violencia exercida polos fascistas contra as mulleres tralo golpe do 36 e poñemos o foco nunha realidade: a das nenas e mulleres recluidas nos centros do Padroado de Protección á Muller, unha institución franquista creada no 1941 para encarreirar as mulleres que non encaixaban coa moral católica do réxime e que estivo operativa ata ben entrada a democracia, ata o ano 1985. Analizamos esta realidade coa investigadora Belén López Cillero e achegámosvos as experiencia de dúas vítimas do padroado: Loli Benito e Paca Blanco. Pero ademais, coñeceremos a historia de Eva García de la Torre, recoñecida polo Goberno como a primeira vítima do Padroado., a través do relato da súa viúva, Silvia Fernández. Pero ademais, neste 25N analizaremos con Antonio Caeiro o seu último documental: "Lola", que recrea a historia de Dolores Rodal; unha veciña de Cangas que padeceu de preto a morte, o cárcere e o exilio dos seus seres queridos.
Cando se cumpren cincuenta anos da morte na súa cama do ditador, botamos a vista atrás e facemos un percorrido polos case corenta anos de ditadura que esmagaron a legalidade republicana e, con ela, os dereitos, as liberdades e a democracia. Acompáñannos nesta viaxe familiares das vítimas, os expertos e as asociacións memorialistas. E arrincamos travesia da man de tres homes que viviron en primeira persoa as protestas obreiras do 72: Alfonso Tellado, Xesús Chaves e Telmo Varela. E ti, onde estabas aquel 20 de novembro do 75?.
CAPÍTULO 22: NA LOITA

CAPÍTULO 22: NA LOITA

2025-11-1101:48:34

Malia o avance franquista, o espírito de loita mantívose durante a guerra e a ditadura. Un exemplo foi Ferrol , unha cidade que vén de ser declarada Lugar de Memoria. Neste capitulo poñemos o foco neste recoñecemento pero tamén nos opositores ao réxime e, en concreto, nos guerrilleiros. Concidindo coa homenaxe que lles brindou o Congreso recuperamos as historias do dirixente comunista José Gómez Gayoso, executado hai 77 anos, e a dos loitadores José Galán e Manuel Ramiro Souto, abatidos a tiros en Visantoña en xuño do 1952. Este verán os seus familiares recuperaron os seus corpos. Pero ademais repasaremos a traxectoria vital da pintora Maruxa Mallo, que acaba de ser recoñecida como vítima da Guerra Civil e a Ditadura. Vaia por diante o noso agradecemento a: - Manuel Fernández Pita, presidente da Asocación Memoria Democrática de Ferrol - Carlos Portomeñe, biógrafo de José Gómez Gayoso. - Carmen García-Rodeja, portavoz da ARMH da Coruña - Teresa Ramiro e Alberto Gómez, familiares de Manuel Ramiro e José Galán. - Patricia Molins, comisaria da exposición sobre Maruxa Mallo do Museo Reina Sofía de Madrid
Este capítulo discorre no 1975, o anoda morte do ditador. Apenas dous meses antes de morrer na súa cama, Franco condena a morte a cinco militantes antifascistas, dous de ETA e tres dos FRAP, entre os que se atopan dous galegos: Xosé Luis Sánchez-Bravo Solla e Xosé Humberto Baena. Os dous son fusilados en Madrid o 27 de setembro, seis semanas despois do asasinato a tiros do líder sindical e político Moncho Reboiras. Repasarémos a traxectoria vital dos tres e tamén as súas últimas horas con vida e farémolo coa axuda dos seus familiares máis cercanos: Victoria e Flor, irmás de Sánchez-Bravo e Baena; e Manuel Reboiras irmán de Moncho Reboiras. A estas engadimos unha voz máis: a do intelectual, escritor e activista político Xosé Luis Méndez Ferrín, moi próximos aos asasinados e encarcerado nos últimos anos do franquismo.
O vindeiro 4 de novembro o Goberno incoará o expediente para declarar Ferrol como Cidade de Memoria Democrática. Recoñece así a loita que a urbe realizou en favor das liberdades e a democracia no último século. No capítulo 20 de 'A ferida aberta no 36' analizaremos os fitos, lugares e persoas que fan a Ferrol merecente deste recoñecemento e percorreremos outros enclaves de Galicia que tamén queren ser recoñecidos como lugares de memoria como Celanova, Ourense, A Coruña ou Lugo. Pero ademais repasaremola traxectoria vital e profesional dun dos pais do galeguismo: o intelectual Alexandre Boveda. Vaia por diante o noso agradecemento a todos cantos interveñen neste capítulo: - Xosé Manuel Suárez, historiador; especialista na represión en Ferrolterra. - Hixinio Araúxo, secretario do comité da memoria histórica de Celanova - Carlos Lozano, presidente da Asociación de Amigos do Campo de Aragón, de Ourense. - Carlos Babío, presidente da CRMH da Coruña. - Emilio Grandío, catedrático de historia contemporánea e membro do Instituto Cornide da Coruña. - Amalia e Valentín García Bóveda, filla e neto de Alexandre Bóveda.
O pintor Francisco Miguel descansa xa na Coruña. Ata alí foi trasladdo o pasado 29 de setembro, 89 anos despois do seu asasinato, en Bértoa, en Carballo, a mans dos fascistas, Os restos do artista, que permaneceron durante décadas nunha fosa comun, foron exhumados pola ARMH hai dous anos e conducidos ata o cemiterio de Santo Amaro. Alí o pintor reencontrase con aquel mar que tanto amaba e que divisba desde a súa Casa da Felicidade de Santa Cruz onde foi medrando como artista a caron da súa compañeira Syra Alonso… No capítulo 19 de 'A ferida aberta no 36' contámosvos como foi a homenaxe que A Coruña rendeu a Francisco Miguel e repasamos a súa traxectora vital e artistica con Miguel Anxo Fernán-Vello, Carme Vidal, Serxio Castro e Carlos López Bernárdez. Coa colaboración de Fernán Macornic na locución.
Arrinca o proceso para declarar as Illas de San Simón e San Antón como lugar de memoria. O Goberno recolleu a luva lanzada polas asociacións memorialistas e incoa o expediente que deberá dotar de especial protección a este enclave no que estiveron encerrados uns 6.000 presos entre os anos 1936 e 1943 en condicións durísimas e sometidos a todo tipo de malos tratos e humillacións. Polo menos medio millar non conseguiron sobrevivir. Neste capítulo analizamos os retos que se abren ante a declaración deste espazo como lugar de memoria con Matías Rodríguez da Torre, de Iniciativa Galega pola Memoria; Anxo Lorenzo, director xeral de Cultura da Xunta e Digna Rivas, alcaldesa de Redondela. Repasaremos as historias persoais dalgúns dos presos que estiveron recluídos en San Simón. Entre eles Eduardo Otero Molas, pai de Enriqueta Otero "Queta Molas", presidenta da ARMH de Marín, e galardoada co premio Galiza Martín 2025. Ademais, reconstruiremos o ocorrido no interior de San Simón coa axuda do investigador e documentalista Antonio Caeiro e o cineasta Miguel Ángel Delgado, director do filme 'San Simón'. Co gallo do Ano Castelao, achegámonos á Coruña con Manel Craneo, director de Viñetas desde o Atlántico, nesta edición dedicada a Castelao.
Cinco anos despois da devolución do pazo de Meirás ao Estado, o Goberno inicia os trámites para declarar este espazo como lugar de memoria. Un enclave que representa o máximo expoñente do espolio cometido polos Franco en Galicia. Neste capítulo analizamos como o ditador se fixo con este inmoble que pertencía á familia de Pardo Bazán e os segredos que agochan as paredes do pazo. Pero ademais, colectivos memorialistas, historiadores e representantes da clase política inciden sobre o efecto que debe ter sobre Meirás o seu recoñecemento como lugar de memoria. Vaia por diante o noso agradecemento a todos os que fixeron posible este capítulo: - Matías Rodríguez da Torre, voceiro de Iniciativa Galega pola Memoria. - Carlos Babío, investigador e presidente da CRMH. - Emilio Grandío, historiador. - Xosé Manuel Núñez Seixas, historiador. - Marta Vidal Zapateiro, guía turística de Meirás. - Nestor Rego, portavoz do BNG no Congreso e un dos "dezanove de Meirás" - Anxo Lorenzo, director xeral de Cultura da Xunta. - Goretti San Martín, exvicepresidenta da Deputación da Coruña. Xa co gallo do Ano Castelao, neste capítulo ocupámonos do 75 aniversario da primeira emisión radial do Sempre en Galicia; o primeiro programa radiofónico do mundo emitido íntegramente en galego. Analizamos este fito co director deste espazo, Toni de Searez; co documentalista Xan Leira e a investigadora Mónica Rebolo. Moitísimas grazas a todos e todas por pasarvos por A ferida aberta no 36!
Despois de décadas de espolio, ábrense os cancelos da casa Cornide da Coruña. Este imponente palacete do século XVIII do que se apropiou Carmen Polo nos anos 60 abriu as súas portas ao público o pasado 4 de agosto no medio dunha grande expectación, tras anos de enfrontamento entre o concello da Coruña e os herdeiros do ditador e despois de que estes foran sancionados pola Xunta ao incumprir o réxime de visitas establecido ó tratarse dun Ben de Interese Cultural. Neste capítulo analizamos como chegou a parar este inmoble mans dos Franco e a loita aberta por historiadores, asociacions memorialistas e institucións para conseguir recuperala. Falamos cos historiadores Emilio Grandío, Francisco Prado Vilar e Alfredo Vigo Trasancos; co profesor de Dereito Administrativo da UDC, Carlos Aymerich, autor do informe xurídico encargado polo concello da Coruña para recuperar a propiedade da casa; con Rubem Centeno, investigador da CRMH da Coruña, Néstor Rego, portavoz do BNG no Congreso e Anxo Lorenzo, director xeral de Cultura da Xunta de Galicia. Co gallo do Ano Castelao, achegámonos á exposición 'Impresións de Castelao en Vigo' con José Luís Mateo.
Coincidindo co 89 aniversario, analizamos o contexto no que se produciu o golpe militar de xullo do 36 e tamén as súas consecuencias. Unha sublevación que deixou máis de cinco mil mortos en Galicia, arredor de oito mil encarcerados, centos de exiliados e abriu feridas moi profundas no conxunto da sociedade galega. Analizámolo co historiador Xosé Manoel Núñez Seixas e co antropólogo forense Fernando Serrulla, que leva anos traballando na exhumación das fosas do franquismo. Pero ademais, deixámosvos dous testemuños: o de Dolores Miloro, que seguiu os pasos do seu pai, que percorreu varios campos de internamento en Francia trala derrota do frente republicano; e o do catedrático de Literatura Galega Xesús Alonso Montero que leva anos traballando na reconstrución da memoria e cuxo pai estivo preso na illa de San Simón. Co gallo do Ano Castelao, achegámonos, con Tero Rodríguez, á versión de 'Cousas' dos Quinquilláns.
Despois de oito anos de litixios, o Tribunal Supremo ordénalle aos Franco que devolvan, ao concello de Santiago, as esculturas do Pórtico da Gloria das que se apropiou o ditador no ano 1954. Unha batalla legal histórica que a sociedade civil gaña despois dun proceso longo e moi doloroso que conclúe cinco anos despois da recuperación de Meirás. No capitulo 14 de 'A ferida aberta no 36' analizamos a recuperación destas pezas espoliadas coa axuda da alcaldesa de Santiago, Goretti San Martín; o exrexedor, Martiño Noriega, que foi quen presentou a demanda no seu día; e os historiadores Emilio Grandío e Fracisco Prado Vilar que xogaron un papel clave no proceso. Pero ademais, faremos repaso a outros bens espoliados polos Franco co investigador Mariano Sánchez Soler, autor de varios libros centrados no patrimonio da familia do ditador.
A comarca do Barbanza centra a atención do capítulo 13 de 'A ferida aberta no 36'. Nesta zona e na súa área de influencia instaláronse durante a guerra cinco campos de concentración -un na Pobra, outro en Rianxo, dous en Muros e un en Padrón- que acolleron a internos procedentes da fronte de Asturias e tamén de Cataluña. Naqueles primeiros compases da contenda, 42 cargos políticos foron asasinados ou encarcerados; e tamén sindicalistas, mestres, e intelectuais; como Manuel Lustres Rivas ou Julio Silva. Construímos o relato do Barbanza coa axuda de Dolores Rodríguez Sande, a última madriña republicana de Rianxo; os historiadores Xesús Santos Suárez, José Antonio Pérez Fernández e Xosé María Fernández Pazos; e o vogal da CRMH do Barbanza, Xoán Hermida. Vaia por diante o meu inmenso agradecemento e agarimo a todos eles e a Fernán Macornic e Daniel Montoya, que me acompañaron na locución.
No capítulo 12 de 'A ferida aberta no 36' continuaremos no Baixo Miño; unha comarca que albergou dous campos de concentración durante a guerra: o de Camposancos e o de Oia, que albergaron un total de dez mil presos nos anos nos que estiveron operativos. Coñeceremos as condicións de vida destes campos coa axuda de Xosé Ballesta, José Antonio Uris e Fernando Javier Costas Goberna; falaremos con Inma Riu, neta e sobriña-neta de dous presos en Oia e conversaremos con Iria Morgade, autora da novela 'Quen escribirá a miña historia?', ambientada nestes lugares de terror.
loading
Comments 
loading